Patacas novas

 

Patacas de cedo, variedade Red Pontiac

 

As primeiras patacas novas sempre son unha alegría. No mes de marzo as vellas empezan a arrugarse e xa non dan nin pelar. E agardas día a día, mirándoas medrar, a que chegue  o momento de catalas. Facer a primeira tortilla de patacas novas ten algo de ritual, de enorme placer, de luxosa pobreza, que diría Emilio Santiago Muíño.

Si, xa sei que agora poden mercarse patacas novas, ou que o parecen, todo o ano, pero así o asunto perde toda a gracia. Aparte de que non saben coma as nosas. Hai un pracer moito maior en agardar pola colleita e saboreala na súa época, como corresponde, que en mercar o que ven a destempo da outra punta do mundo, cargado de pesticidas para que non se estrague, e en moitos casos tamén de escravitude.

O outro día unha amiga preguntábame se me pagaba a pena botar patacas, polo choio que dan, (eu fágoo á man, en ecolóxico), en comparación ao prezo que levan. Pero é que ter patacas novas de teu é una regalía, unha fartura, a base dunha horta, unha fachenda vaia, e agasallar unha caixiña a quen queres ben un acto de amor pataqueiro que sempre é moi ben recibido.

Onoka preparada para axudar a arrancar patacas